19, 20 y 21 de Mayo 2020
 
   


PESCA ADAPTA O PROXECTO PEIXE VERDE ÁS FROTAS DE ARRASTRE DE LITORAL E DO GRAN SOL PARA AFORRAR CUS


▪ A Consellería de Pesca amosa durante estes días en Navalia 2008 dous motores propulsores, un Dual Fuel e outro a gas, que serán probados nun barco de Gran Sol co fin de acadar un aforro económico dun 30 por cento

▪ O stand de Pesca tamén disporá dunha embarcación de baixura na que se realizou a transformación do seu motor tradicional de gasolina a Gas Licuado de Petróleo Vigo, 21 de maio de 2008.- A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos participa na feira internacional Navalia 2008 no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) cun stand de 100 metros cadrados e co proxecto “Peixe Verde” como eixo principal. Nesta cita, o departamento que dirixe Carmen Gallego presenta unha nova liña de investigación sobre combustibles alternativos dirixida neste caso ao segmento de frota de arrastre de litoral e do Gran Sol. Así, no stand vigués exhíbense dous motores propulsores un Duel Fuel, que pode ser alimentado con dous combustibles (gasóleo e Gas Licuado de Petróleo) e de 330 cabalos de potencia, e un motor propulsor a gas puro de 300 cabalos. Ambos os dous poderían empregarse neste tipo de embarcacións co obxectivo de acadar un aforro económico dun 30 por cento.

Todos os asistentes a Navalia poderán coñecer de preto as características destes dous motores percorrendo todos os seus compoñentes a través das pasarelas que se atopan dispostas ao seu redor. Ademais, o expositor da Consellería de Pesca conta con paneis explicativos e unha pantalla na que se proxecta un vídeo divulgativo sobre esta iniciativa. Así mesmo, faráselles entrega aos visitantes dun díptico onde se resume de xeito didáctico o proxecto “Peixe Verde”.

Os dous motores para a frota de arrastre presentados hoxe en Navalia xa comezaron as súas primeiras probas e un barco da Confraría de Pescadores de Celeiro será o encargado de validar este novidoso sistema. Os ensaios realizaranse cos motores traballando a un 80-90 por cento de potencia no proceso de navegación e cun só na actividade pesqueira co fin de acadar un rendemento óptimo da enerxía empregada, tanto cando o barco está en tránsito como cando está faenando. Ademais, con esta configuración, no caso de avaría a función que non faga un destes motores será realizada polo outro, de forma que sempre estarían cubertas e garantidas as necesidades de propulsión e de servizo eléctrico a bordo.

Por outra banda, e dentro das vantaxes deste sistema, son destacables as funcións do motor Dual Fuel dende o punto de vista da autonomía do barco, xa que pode funcionar ao 100 por cento de rendemento con gasóleo no caso de que o gas dos depósitos do barco se esgote. Neste caso tería a potencia suficiente para a navegación.

O stand que a Consellería de Pesca ten situado en Navalia 2008 de Vigo conta tamén cunha das embarcacións de baixura cuxo motor tradicional a gasolina foi transformado para poder empregar GLP como combustible. Trátase dunha das lanchas que formou parte da liña de investigación inicial de “Peixe Verde” dirixida á acadar aforro enerxético na frota artesanal ou de baixura.

O departamento que dirixe Carmen Gallego convidou aos representantes do sector pesqueiro da nosa comunidade a achegarse a esta feira e ás instalacións de Pesca para coñecer de preto o proxecto “Peixe Verde” e as vantaxes que supón o emprego do Gas Licuado de Petróleo nas embarcacións pesqueiras. De feito, desenvolverase unha xornada técnica na que participarán representantes do Centro Tecnolóxico da Pesca de Celeiro, Repsol, Dirección General de la Marina Mercante, Secretaría General del Mar e a propia Consellería de Pesca para explicar a aplicación desta iniciativa nas frotas de arrastre de litoral e Gran sol, que son as que presentan un maior consumo de combustible.

Reducir o custo enerxético

O proxecto “Peixe Verde”, que impulsa a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e que coordina o Centro Tecnolóxico da Pesca (Cetpec) xunto con Repsol, comezou a súa andaina no ano 2006 co obxectivo de reducir o custo enerxético dos barcos pesqueiros mediante a implantación de alternativas enerxéticas ás actualmente empregadas, novas configuracións de equipos e o aforro e a eficiencia enerxética. Esta medida foi adoptada para paliar o incremento do prezo do combustible que comezou a facerse notar no ano 2003.

Ao amparo desta iniciativa comezouse por implantar o uso do Gas Licuado de Petróleo (GLP) como combustible alternativo en catro embarcacións pesqueiras de baixura, transformando os motores tradicionais de gasolina a motores a GLP. O propósito desta primeira actuación foi analizar a viabilidade técnica e económica do cambio dos motores e do emprego do novo combustible. Os resultados desta primeira etapa foron positivos posto que as catro embarcacións participantes estiveron pescando durante 15 meses sen ningún tipo de problema.

Nesta liña, a segunda etapa centrouse en medir o aforro enerxético derivado do uso de GLP en lanchas de varios portos pesqueiros, esta vez cun total de 20. Nesta fase detectouse un aforro medio que se sitúa entre o 30 e o 35 por cento, se ben nalgúns casos chegou ata o 49 por cento.

Actualmente, e unha vez superado con éxito o cambio de motor, o proxecto de investigación céntrase na instalación de tanques fixos nos portos e en implantar o uso deste enerxía alternativa nun total de 200 embarcacións de artes menores de diferentes portos pesqueiros. Isto suporía unha mostra a escala da frota artesanal galega formada por máis de 5.000 buques. A esta acción hai que sumar agora a nova liña de investigación que se levará a cabo na frota de altura.

O GLP como combustible alternativo

O Gas Licuado de petróleo (GLP) é considerado un combustible alternativo dende o punto de vista económico e medioambiental por diferentes razóns. Entre elas por ser unha enerxía que aumenta a vida do motor ao reducirse os depósitos de ácido e carbonosos, garante a seguridade ante posibles roubos de combustible, diminúe nun 50% o ruído fronte aos motores diésel de xeito que facilita a captura de bancos de peixes e reduce as vibracións estruturais.

Ademais de todas estas vantaxes hai que destacar as referidas ao respecto polo medio ambiente xa que co uso do GLP desaparece o efecto contaminante en caso de vertido e diminúen as emisións globais de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro. Así mesmo, é importante sinalar que o seu emprego supón unha redución importante de custos operativos para a frota pesqueira.

Visita a Navalia

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, visitou esta mañá a feira Navalia, un certame de carácter internacional que se celebra en Vigo e no que se dan cita as diferentes actividades vinculadas coa industria naval. Na segunda edición deste evento participan 300 expositores e 500 firmas nacionais e internacionais nunha superficie de 27.500 metros cadrados do Instituto Feiral de Vigo.

A organización prevé a asistencia de 20.000 profesionais nacionais e tamén de distintos países como Holanda, Dinamarca, Noruega, Italia, Alemaña, Bélxica, Francia, Reino Unido ou Portugal, entre outros.

Proyecto cofinanciado por el Igape, la Xunta de Galicia y el Fondo Europeo de Desarrollo Regional del programa operativo 2014-2020.

Programa Galicia Exporta